|
Dis que sempre tapa a cabeza cun pano de flores, por se chove, polo vento, polo sol, polo que dirán se á súa idade vai lucindo cabelo. Non queda fora un só pelo. O pano faille a cabeza máis miúda e reálzalle as lentes redondas, de pasta, escuras. Eu non lle diría vella pero ela si, e ri, e sorrí, e volve a rir. É pequena, espelida, campesiña de toda a vida, dende antes de nacer di ela e ri e volve sorrir. Non me pregunta nada, nin o nome, nin a idade, nin a nai, nin o día. Non comenta o tempo, nin as festas, nin o xeito de falar de aquela xente, nova, chegada de américa. Sorrí. Non lle sei o nome, Aurora, Maruxiña, Carme. Pide perdón nas curvas e discúlpase cando a xente que vai subindo lle roza. Carme ou Maruxa discúlpase rindo, sorrindo e volta a rir. Eu río, sorrío e penso que foi feliz, que se fixo feliz. Pregúntome tamén a onde irá Maruxa, ou Aurora, coa súa chaquetiña de lá marrón, a súa saia estampada, gris, escura, e o seu pano de flores, grande para a súa cabeza miúda. Por un momento non ri, olla pola ventá agarrada coas dúas mans á varanda. Por uns segundos móstrase intranquila. Decátase que a miro e sorrí e ri e fai un alegre comentario de como son elas, as vellas. Ao chegar á primeira parada do pobo báixase e despídese de cada un de nós rindo, sorrindo e inda rindo despois de baixar. Por un intre percibo como queda mirando marchar o autobús ata desaparecer ficando alí, soa, sen medio posible de voltar a súa casa. Outro día levouna ao pobo, en coche, unha veciña da súa aldea. Imaxino como se disculparía Maruxiña ou Carme, rindo e sorrindo ata chegar e despedirse unha vez máis, rindo. Xusto ía eu no autobús cando a vin esperando para cruzar no paso de peóns. Alí estaba coa súa chaqueta de lá marrón, a súa saia escura, o seu pano grande de flores e un bolso de palla, colgándolle á altura do cóbado e apretándoo forte contra o seu pequeno corpo de muller que eu non chamaría vella pero ela si, rindo, sorrindo e voltando a rir. Notábaselle nerviosa tratando de cruzar. Ninguén paraba o coche e ela non insistía, mostraba a súa cara de disculpa e medio sorriso. Sentín a súa vergoña por ter que pedir o favor de parar o coche, por ter que molestar a calquera pola súa culpa, por non ter outra saída, nin un pano máis novo e máis lindo. Un coche parou e ela sorprendida pegou un chimpo, un pequeno chimpo case inapreciable, pero pegouno e eu puiden ver durante uns segundos á nena Maruxiña brincando, correndo e rindo polas inmensas leiras e os infinitos carreiros da súa aldea. E a señora Carme, ou Maruxa cruzou pedindo disculpas e apurando todo o que puido o paso sen rir, nin sorrir.  Comentarios (2) |